Friday 03 de May de 2024

A Xunta aumentará en máis dun 45% a dotación do Fondo de Cooperación Local Adicional ata case os 13M€


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro hoxe con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) no marco da subcomisión de Réxime Económico e Financeiro

― Os fondos que recibirán os concellos galegos en 2022 ascenden a 488,5M€, entre o total do Fondo de Cooperación Local e outras transferencias, o que supón un 20% máis que en 2021

A Xunta trasladoulle hoxe á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2022 o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) terá unha dotación de case 12,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 45,2% respecto a este exercicio.

En concreto, o Goberno galego informou aos membros da FEGAMP que o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local incrementará a súa dotación en 4 millóns de euros nas contas autonómicas de 2022.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro no marco da subcomisión de réxime económico e financeiro da Comisión de Cooperación Local cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, Alberto Varela. Por parte da Xunta participaron tamén na reunión a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

A cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local, entre o fondo base e o adicional, ascende a case 126 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis, con 4 millóns adicionais respecto ao exercicio anterior. Ademais, en 2022 liquidarase o rendemento efectivo do FCL de 2020, cun importe estimado de liquidación de 9,7 millóns de euros, isto é, 4,6 millóns máis que o ano pasado, cun incremento do 89,7%.

No encontro de hoxe tamén se informou de que en total, entre transferencias correntes e de capital, os concellos recibirán en 2022 uns 352,8 millóns de euros, un 25,6% máis que en 2021. Por tanto, a cantidade total dos fondos que recibirán os concellos galegos para o ano que vén entre estas transferencias, o total do fondo base e adicional do FCL e a súa liquidación da contía de 2020 ascende a preto de 488,5 millóns de euros, un 20% por riba da de 2021.

Así, á cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer un instrumento de financiamento estable das entidades locais. O FCL, regulado anualmente a través das Leis de Orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos.